Monumento a Rodríguez Fornos
![](https://mondariz.gal/wp-content/uploads/2023/08/cropped-LateralASF-150x150.png)
Maximino Rodríguez Fornos (1854-1923) foi alcalde de Mondariz durante 15 anos e médico do distrito ao longo de 35. Como doutor combateu, moitas veces xunto co seu fillo, o tamén médico Rodríguez Sobrino, as enfermidades da época: as vexigas, a difteria e a gripe. Como profesional da medicina destacou sempre polo seu compromiso humanitario, atendendo sempre ás persoas enfermas máis humildes.
En 1923 o doutor foi chamado para axudar a parir a unha veciña sen recursos; a pesar de que tiña un
corte na man provocado por un arame da vide, non renunciou a atendela, o que lle provocou unha
infección que lle acabaría ocasionando a súa propia morte.
O monumento foi inaugurado o 15 de agosto de 1925, durante a ditadura de Primo de Rivera, coa
presenza do alcalde, Ramiro Vidal Carrera, do reitor da Universidade de Santiago, o doutor Blanco
Rivero, e do gobernador civil da provincia. A heroicidade da súa morte, xunto coa súa obediencia
política ao deputado e ministro ponteareán Gabino Bugallal, de ideoloxía monárquica conservadora,
explican a erección deste magnífico monumento ergueito por subscrición popular.
Escultor da raza
Francisco Asorey (1889-1961) foi un dos mellores escultores galegos de todos os tempos. Fórmase na Escola de Artes e Oficios de Sarriá (Barcelona) e trasládase a Madrid en 1909.
En 1918 gana a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, onde tamén será profesor da Escola de Artes e Oficios. En Santiago acaba instalando un taller de gran
éxito no que realiza numerosos monumentos, como este de Mondariz.
O seu estilo caracterízase por fórmulas realistas con influencias do barroco castelán e a escultura popular galega, combinando os temas relixiosos cos populares. Asorey destacou polo seu dominio da
talla e a anatomía humana -tanto en madeira como en pedra- así como na fundición en bronce.