Portada » Actualidade » Novo servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas
Servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas

Novo servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas

O Concello de Mondariz porá en marcha a partir de outubro un novo servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas naquelas parroquias que non estean cubertas pola rede de sumidoiros.

En previsión deste novo servizo, o Concello de Mondariz adquiriu medios propios a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra, como unha cisterna.

A Ordenanza fiscal do prezo público pola prestación de servizos de limpeza de pozos negros e fosas sépticas, aprobada en sesión plenaria pola Corporación Municipal, está publicada no BOPPO número 152 e inclúe información de interese público sobre as condicións de baleirado de pozos negros e fosas sépticas, o proceso de solicitude e a tarifa estipulada para cada baleirado que de seguido resumimos.

Quen pode solicitar este servizo municipal?

Tendo en conta que a rede municipal de saneamento non cubre actualmente todo o territorio do Concello de Mondariz e que é inviable avanzar na construción de novas infraestruturas mentres non se solucionen as verteduras ao río Tea derivadas da falta de conexión á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos colectores xa construídos, o novo servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas pretende atender as necesidades das veciñas e dos veciños que se ven afectados pola limitación da rede de saneamento e, ao mesmo tempo, asegurar que as augas residuais dos pozos negros e das fosas sépticas son vertidas en instalacións apropiadas.

Os requerimentos básicos para solicitar este servizo de baleirado, porén, é que a vivenda ou establecemento non dispoña de servizo de rede de sumidoiros e que as augas residuais vertidas ao pozo negro ou á fosa séptica teñan unha natureza doméstica ou proveñan de centros socio-culturais, casas de turismo rural ou establecementos de hostalería situados nas parroquias sen saneamento.

Como se pode solicitar este servizo municipal?

A solicitude de baleirado realizarase nas oficinas municipais mediante o formulario correspondente, que recollerá os datos necesarios que identifiquen o inmoble, a persoa propietaria do mesmo e o pozo negro ou a fosa séptica a baleirar. Este formulario incluirá unha declaración responsable de que as verteduras teñen natureza doméstica ou asimilada. Esta solicitude deberá ir acompañada dunha copia do NIF/CIF da persoa solicitante e do xustificante de ter realizado o pagamento da cota correspondente.

Canto hai que pagar por cada servizo de baleirado?

Na Ordenanza fiscal do prezo público pola prestación de servizos de limpeza de pozos negros e fosas sépticas establécese unha tarifa única de 65 € por cada servizo de baleirado.

Scroll al inicio