O Concello de Mondariz a través do seu alcalde, Calis Montes Bugarín, informa que a Deputación de Pontevedra acaba de concederlles 42.272,96€ para o arranxo e acondicionamento das instalacións da piscina municipal.
Logo de varios anos de abandono, o grupo de goberno axilizará os trámites para que as veciñas e veciños poidan gozar canto antes destas instalacións públicas. O alcalde informa que nos vindeiros días procederase á contratación dos traballos para comezar canto antes estas obras que permitirán o uso dun servizo público pechado dende a pandemia da COVID e totalmente abandonado dende entón.
Explica o goberno que se actuará tanto no vaso da piscina, como nos vestiarios, zonas de lecer e contorna.Dado o estado actual, haberá que realizar traballos de demolición e movemento de terras, executar unha nova rede de abastecemento, reparar o grupo filtrante da sala de máquinas, arranxar o pavimento, acondicionar o vaso da piscina, pintar paredes exteriores e executar traballos de xardinaría.
“Logo destes anos de abandono consideramos urxente actuar neste espazo municipal para que todas as persoas poidan gozar del o antes posible. Non só repararemos todo o espazo e maquinaria estropeada, tamén realizaremos melloras para actualizar equipamentos”, explica Calis Montes, quen tamén agradece o apoio da institución provincial e salienta que este “grupo de goberno traballará para esta blecer alianzas que permitan a mellora do día a día das persoas e estudará con detalle cada proxecto para obter a confianza das administracións e realizar unha boa xestións dos cartos públicos”.