O alcalde de Mondariz, Calis Montes, en nome de todo o grupo de goberno quere dar a benvida ás e aos novos corenta veciños que se suman ao censo municipal e amosa a súa satisfacción ante a estabilidade dos datos da pirámide demográfica deste ano na que os novos nacementos e censos equilibran as defuncións.
Das 4.410 persoas censadas no ano 2020 o Concello pasou ás 4.394 no 2021 e no 2022 co repunte provocado polo COVID ás 4.448. No día de hoxe os datos cifran en 4.444 as persoas censadas en Mondariz. “É un bo dato que significa que a poboación aséntase sen ningún fito puntual que a incremente e as e os novos veciños e veciñas equilibran a perda dos que xa nos deixaron”, apunta o alcalde.
Despois de décadas de datos negativos, parálise censal e decremento de poboación, o Concello de Mondariz suma novos veciños e veciñas. O alcalde agradece a todas aquelas persoas que apostan polo rural e adianta que traballará para mellorar os servizos existentes e incorporar os todos os posibles.
O Concello de Mondariz conta cun centro de ensino público que comprende as etapas educativas ata a ESO, incluída, unha escola infantil, escola de música, centro de saúde, pistas deportivas, servizo de Atención Temperá, escola de música, auditório, campamentos de conciliación familiar e laboral para as tempadas de vacacións escolares e múltiples espazos de lecer.
“En Mondariz sumamos á nosa riqueza natural e ao ritmo de vida do rural unha boa oferta de servizos báiscos que espertan o interese daqueles que queren deixar de vivir nas cidades ou en núcleos urbanos máis condensados”, explica Calis Montes.
A feira dos domingos, o espazo comercial e gastronómico da praza de abastos, as praias fluviais, as rutas de sendeirismo, as augas termais, os petróglifos e a oferta hostaleira atraen a cada vez máis visitantes e persoas que procuran unha segunda residencia ou mesmo trasladar a súa a Mondariz.