A Fábrica da Auga impulsará unha nova conexión entre o centro de Mondariz e os seus espazos naturais
Un proxecto que mellorará a mobilidade, a accesibilidade e a posta en valor do patrimonio local
O Concello de Mondariz vén de iniciar os traballos do proxecto A Fábrica da Auga, unha actuación que permitirá mellorar a conexión entre o centro da vila e algúns dos espazos naturais e patrimoniais máis emblemáticos do municipio.
A intervención contempla a recuperación e acondicionamento dos sendeiros que unen o núcleo urbano coa Praia do Val, a Ponte de Cernadela e a Ponte de Ferro, facilitando así os desprazamentos a pé e promovendo unha mobilidade máis cómoda, segura e sostible para a veciñanza e para as persoas visitantes.
Como parte desta actuación tamén se habilitará un miradoiro expositor, un novo espazo pensado para poñer en valor un dos elementos máis representativos da identidade de Mondariz: a súa tradición vinculada á marca e ás augas de Mondariz, recoñecidas dentro e fóra de Galicia pola súa historia e prestixio.
Esta actuación supón unha importante mellora para a accesibilidade do municipio e permitirá reforzar a conexión entre o centro da vila e os seus espazos naturais máis apreciados, favorecendo o seu desfrute e conservación.
O proxecto conta cun orzamento de 160.000 euros e está financiado e desenvolvido polo GDR Terra e Auga. Está previsto que os traballos queden rematados ao longo deste mes de xuño.
Dende o Concello de Mondariz agradecemos a comprensión da veciñanza ante as posibles molestias ocasionadas polas obras e animamos a todos os mondaricenses a seguir de preto unha actuación que contribuirá a facer de Mondariz un municipio máis accesible, conectado e atractivo para todos.


