Festivos locais 2027: Mondariz abre un proceso participativo para escoitar á veciñanza
O Concello convida a empresas, comercios, autónomos e cidadanía a participar na elección dos dous festivos locais do ano 2027
O Concello de Mondariz pon en marcha un proceso participativo para coñecer a opinión da veciñanza, das empresas, dos comercios e dos profesionais autónomos do municipio sobre a elección dos dous festivos locais que corresponderán ao ano 2027.
Con esta iniciativa, o goberno municipal quere fomentar a participación cidadá e incorporar a voz da comunidade na toma de decisións que afectan á vida social, económica e laboral do concello.
Cada persoa participante poderá seleccionar dúas opcións entre as diferentes datas propostas na votación. O obxectivo é coñecer as preferencias da cidadanía e trasladar ao Pleno Municipal a vontade expresada pola maioría dos veciños e veciñas.
Como participar
A votación realizarase de forma telemática a través da seguinte ligazón:
https://votosmondariz.gesdix.net
Ademais, o Concello habilitará códigos QR nas dependencias municipais para facilitar o acceso á votación e garantir que toda a veciñanza poida participar de forma sinxela.
Prazo de participación
O proceso permanecerá aberto desde mañá ata o domingo ás 23:59 horas.
Unha vez finalizado o prazo, os resultados serán trasladados ao Pleno Municipal previsto para o próximo luns, onde se terá en conta a opinión recollida durante este proceso participativo.
Un Concello máis participativo
Dende o Concello de Mondariz seguimos traballando para construír unha administración próxima, aberta e participativa, na que a cidadanía teña un papel activo nas decisións que afectan ao presente e ao futuro do municipio.
Porque Mondariz é de todos e de todas, e porque Mondariz merece ser escoitado.

