Portada » Actualidade » Mondariz presenta o novo Punto Limpo Móbil: máis reciclaxe, máis compromiso

Mondariz presenta o novo Punto Limpo Móbil: máis reciclaxe, máis compromiso

Un servizo ambiental que achega a recollida de residuos especiais a todas as parroquias para avanzar cara a un concello máis sostible

O Concello de Mondariz recibiu a visita institucional do Delegado da Xunta para presentar oficialmente o novo Punto Limpo Móbil, un servizo que permitirá recoller materiais que non deben depositarse nos colectores habituais, como pequenos electrodomésticos, pilas, aceites usados ou roupa.

Este novo recurso, impulsado por un vehículo 100 % eléctrico, achegará a reciclaxe ás parroquias, facilitando a separación e xestión responsable dos residuos domésticos e fomentando hábitos máis sostibles entre a veciñanza.

A súa adquisición foi posible grazas a dúas axudas públicas:

  • Unha axuda da Xunta de Galicia, por un importe de 89.991,50 €, ao abeiro das axudas cofinanciadas polo fondo europeo NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
  • Unha axuda da Deputación de Pontevedra, por un importe de 37.655,00 €, incluída na liña 1 do Plan Máis Provincia 2025.

Ambas achegas permitiron cofinanciar este equipamento, que contribuirá a mellorar os servizos da rede de puntos limpos existentes no municipio e a avanzar na preparación para a reutilización e reciclaxe de residuos, segundo os obxectivos ambientais da comunidade autónoma.

No carrusel de imaxes poden verse algúns momentos destacados do acto de presentación e coñecerse máis de preto este equipamento que xa é unha realidade en Mondariz.

Dende o Concello agradecemos esta visita institucional e reiteramos o noso compromiso por seguir mellorando os servizos que repercuten directamente no benestar da cidadanía.

Scroll al inicio