Portada » Actualidade » Xestión da biomasa nas parroquias de Mondariz: contratos voluntarios 2025-2026

Xestión da biomasa nas parroquias de Mondariz: contratos voluntarios 2025-2026

As persoas responsables de terreos nas parroquias de Gargamala, Sabaxáns e Queimadelos poderán formalizar contratos voluntarios de xestión de biomasa para os anos 2025-2026 os días 25 e 26 de xuño no Salón de Plenos do Concello.

O Concello de Mondariz informa, mediante Bando de Alcaldía, da posta en marcha do procedemento voluntario para a xestión da biomasa nas faixas secundarias de protección contra incendios forestais nas parroquias priorizadas de Gargamala, Sabaxáns e Queimadelos. Esta actuación forma parte do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a FEGAMP e a empresa pública SEAGA para a anualidade 2025-2026.

As persoas responsables de terreos situados en solo rústico a menos de 50 metros dos núcleos rurais nestas parroquias poderán formalizar os contratos voluntarios de xestión de biomasa os días 25 e 26 de xuño de 2025 no Salón de Plenos do Concello de Mondariz.

A tarifa do servizo é de 420 euros por hectárea e anualidade, o que supón, por exemplo, un custe de 42 euros para parcelas de mil metros cadrados.

Aquelas persoas que non formalicen o contrato poderán cumprir voluntariamente coa obriga de xestión da biomasa ata o 31 de maio de cada ano. En caso de incumprimento, o Concello poderá actuar de forma subsidiaria, repercutindo os custes e, de ser o caso, procedendo ao comiso de especies arbóreas prohibidas. Así mesmo, podería iniciarse o correspondente procedemento sancionador, conforme á Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Para máis información, pode contactar co Concello no teléfono 986 664 306.

Scroll al inicio