Co obxectivo de dar vida a espazos públicos abandonados e sen uso o Concello de Mondariz acadou unha axuda para a creación dun espazo de lectura ao aire libre e cuberto protexido da chuvia.
Na terraza da parte de atrás da biblioteca pública municipal a cidadanía conta agora cun espazo público no que o Concello acondicionou unha zona de lecer cunha pérgola de madeira e mobiliario que facilita o encontro social e o xogo nun espazo de todas e de todos.
No marco do proxecto “PIMA cambio climático” da Xunta de Galicia, o Concello de Mondariz recibíu 20.000€ para a execución desta obra. Unha iniciativa que afianza o compromiso do Concello de Mondariz coas responsabilidades adquiridas no Pacto das Alcaldías. O goberno de Mondariz quere formar parte do cambio e sumarse á consecución dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible), nesta ocasión contribuíndo no ODS 13 que pretende introducir o cambio climático como cuestión primordial nas políticas, estratexias e plans de países, empresas e sociedade civil, mellorando a resposta aos problemas que xera, e impulsando a educación e sensibilización de toda a poboación en relación ao fenómeno.
Coa obra realizada xérase un espazo exterior para o encontro e para a realización de actividades culturais atenuando, coa colocación de elementos para o sombreado, a illa de calor urbana. A obra completarase con novo mobiliario urbano como tumbonas e elementos para o descanso.
A alcaldesa en funcións, Elena Naveira, adianta que o grupo de goberno seguirá traballando para ofrecer espazos e servizos públicos de calidade, revitalizando zonas ata agora infrautilizadas e optimizando os recursos propios.