Portada » Actualidade » Mondariz homenaxea as súas primeiras mulleres concelleiras

Mondariz homenaxea as súas primeiras mulleres concelleiras

O Concello de Mondariz convida a toda a veciñanza a asistir ao acto “Mulleres Concelleiras” que recoñecerá ás primeiras mulleres da política local. Será o domingo día 28 ás 19 horas no auditorio público municipal.

Once mulleres, que marcaron un fito histórico, farán historia porque este é a primeira vez que Mondariz organiza un acto público de recoñecemento das primeiras políticas locais e falarán de historia porque a través das súas experiencias coñeceremos como foi a chegada da muller hai tan só trinta anos ao eido político local.

Xuntas conversarán dos comezos, dos momentos máis entrañables e das decisións máis difíciles e tamén do papel da muller antes e agora. Da súa man analizaremos a actualidade en materia de igualdade e os seus testemuños permitirannos coñecer unha parte da historia recente da vila.

A alcaldesa en funcións, Elena Naveira, convida a toda a cidadanía a este acto no que reflexionarán e coñecerán máis de preto aquelas mulleres que abriron o camiño, que romperon cos estereotipos e que coa súa valentía fixeron posible a participación de máis mulleres.

Con este acto o Concello de Mondariz inicia un ciclo de recoñecementos que unha vez ao ano rescatará da memoria profesións, iniciativas e logros das mulleres de Mondariz.

“Este acto non nace como unha actividade illada, pretende ser o primeiro de moitos recoñecementos que merecen as mulleres da nosa vila. Comezamos coas concelleiras e seguiremos, ano tras ano, con outros perfís”, explica a concelleira de Servizos Sociais, María José Álvarez.

Scroll al inicio