O Concello de Mondariz amosa o seu lado máis comprometido e solidario coas vítimas da DANA (Depresión Aislada en Niveles Altos) e envían tres camións de axuda ao Concello de Sedaví, en Valencia.
O alcalde de Mondariz, Pablo Barcia púxose, dende o primeiro momento, en contacto coa concelleira de Servizos Sociais de Sedaví, Úrsula Isabel Campo, para coordinarse e poder atender o antes posible ás necesidades básicas de produtos de hixiene persoal e doméstica, produtos non perecedoiros, auga, leite, mantas e roupa de abrigo. En concreto, o concello valencián solicitou o envío de botas de auga que foron adquiridas no comercio local de Mondariz grazas ás aportacións económicas das veciñas e veciños a través da asociación de veciños Xabriña e da asociación deportiva Mondariz.
Sandra, César e Juan son os condutores profesionais que levaron estas toneladas de solidariedade ao polígono de Almussafes acompañados do concelleiro de Servizos Sociais de Mondariz. Nestes tres camións tamén viaxou solidariedade das veciñas e veciños dos concellos de Ponteareas e A Lama e dos Moteiros do Morrazo e o compromiso social das empresas de transportes Gayoso, Cooperativa de Lérez e Carmelo así como o de Aguas de Mondariz, Tesis, Dosigal, Bopapel, Darlim, Restaurante Castelo e Distribuciones las 24 horas. Unha vez no polígono industrial recibiron as ordes do Concello de Sedaví que se encargará da distribución.
Mondariz fixou o punto de recollida na escola municipal de música respondendo de xeito áxil tanto as e os traballadores municipais como a cidadanía. O alcalde queren agradecer a pronta resposta das veciñas e veciños e dos traballadores e voluntarios que dedicaron a fin de semana a recoller, empaquetar e cargar, tamén ás concellarías de Servizos Sociais, Seguridade e Emerxencias e Voluntariado.
Tanto na escola municipal de música de Mondariz como no centro de servizos sociais de Ponteareas mantense aberta a recollida de produtos non perecedoiros, botas de auga, produtos de hixiene persoal e material de limpeza. Non se recollerá roupa nin alimentos perecedoiros.