O Concello de Mondariz ten un SERVIZO DE ATENCIÓN TEMPERÁ EN FUNCIONAMENTO para nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade que sexan derivados polo servizo de Pediatría do centro de saúde correspondente. A unidade de atención temperá está composta por tres profesionais e dá servizo en cinco concellos do Condado-Paradanta (A Cañiza, Melón, Mondariz, Mondariz-Balneario e Covelo). Para persoas usuarias dos concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, o servizo préstase no primeiro andar do CENTRO SOCIAL DE MONDARIZ, os luns e martes de cada semana.
Que é a atención temperá?
É un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno.
Ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Que son os trastornos do desenvolvemento?
Son situacións nas que, como consecuencia dunha alteración das estruturas ou funcións corporais, de restricións na participación social ou a causa de factores do contorno, se produce unha desviación ou atraso significativo no desenvolvemento das capacidades, adquisicións e recursos persoais típicos nos nenos e nenas. É o servizo de Pediatría do centro de saúde correspondente o que debe determinar a existencia de trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos.
Máis información
- 657 379 788
- atenciontemprana.caniza@aceesca.com
- politicasocial.xunta.gal/gl/areas/discapacidade/atencion-tempera