Entre os días 1 e 10 de setembro de 2021, as persoas interesadas en matricularse na Escola Municipal de Música de Mondariz que non solicitaron praza no período ordinario de matrícula teñen unha segunda oportunidade. Os servizos administrativos estarán abertos de 10 a 14 horas na sede da Escola Municipal de Música de Mondariz, ubicada no antigo CEIP Riofrío-Vilar (Pé do Muíño s/n, parroquia de Riofrío), para tramitar solicitudes de matrícula nos instrumentos que teñan prazas vacantes.
Os prezos públicos están regulados pola Ordenanza municipal publicada no BOPPO número 172, de 7 de setembro de 2020. Neste documento aparece toda a información sobre os custos das diversas actividades formativas, os posibles descontos e as modalidades de pagamento dispoñibles.
Prazas vacantes
Agás en guitarra, que é o instrumento máis demandado na Escola Municipal de Música de Mondariz, e en ukelele, que finalmente non se oferta, hai prazas dispoñibles nos instrumentos de vento-metal, vento-madeira e percusión. Para máis información, é preciso contactar directamente coa administración da Escola Municipal de Música de Mondariz.
Curso 2021-2022
O curso académico 2021-2022 na Escola Municipal de Música de Mondariz comezará o 15 de setembro de 2021. Este mesmo día, entre as 17 e as 20 horas, serán entregados os horarios das diversas actividades formativas aos grupos.
Contacto
- Pé do Muíño s/n, 36874 Riofrío, Mondariz
- De luns a venres, 10:00 – 14:00 horas
- esmu@mondariz.gal
- +34 986 656 573