Con motivo do Día de Rosalía de Castro, 23 de febreiro, o Concello de Mondariz programa o espectáculo Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos. Este espectáculo musical e de narración oral chegará da man de Caxoto mañá día 24 ao auditorio público municipal de Mondariz ás 18 horas.
Con esta actividade para tódolos públicos o Concello de Mondariz rende homenaxe á poeta galega Rosalía de Castro. A entrada será gratuíta e financiada polo Concello de Mondariz.
A narración de Caxoto defínese hoxe en día como intensa, emocional, retórica, chea de xiros e case sempre cómica cando non bufonesca. Un transitar entre as emocións, os ritmos, os tonos, os tempos, … nos que o conto e o contar son todo un. No seu repertorio como en botica un pouco de todo: tradición oral, historias de vida, feitos históricos, contos de creación propia e algo de conto literario.