Portada » Actualidade » Mondariz contará cun sistema de reciclaxe integrada de recollida de pequenos residuos contaminantes

Mondariz contará cun sistema de reciclaxe integrada de recollida de pequenos residuos contaminantes

O Concello de Mondariz súmase á economía circular e instalará un sistema de reciclaxe integrada para a recollida selectiva de pequenos residuos específicos e altamente contaminantes, así o informa hoxe a alcaldesa en funcións, Elena Naveira.

No marco da campaña “Da túa Man” da Deputación de Pontevedra, o Concello contará cun punto de recollida de residuos sólidos de pequeno formato con espazos independentes de introdución e almacenaxe de distintos residuos (pilas, lámpadas, baterías, residuos electrónicos…).

Elena Naveira analizou o punto de ubicación xunto ao equipo técnico do proxecto acordando colocalo onde os actuais contedores soterrados de recollida de lixo da contorna da praza para que sexa de doada identificación e evitar maiores desprazamentos á veciñanza.

Ademais, o goberno local, na súa aposta por visibilizar e modernizar o tecido comercial da vila, adianta que colocará un tótem no centro urbano. Un expositor dixital que permitirá difundir o comercio local, lugares de interese, eventos e as potencialidades do Concello. O tótem disporá tamén de entradas de usb para a carga de dispositivos electrónicos.

“Marcaremos unha folla de ruta que vaia dando pasos para pór en valor o noso comercio e modernizalo adaptándoo aos novos hábitos de consumo, formándoos no uso de novas tecnoloxías e promovendo a reciclaxe e a redución e reutilización de lixo”.

O proxecto “Da túa Man” tamén contempla campañas de comunicación e promoción en soportes dixitais, a adaptación da accesibilidade á contorna comercial, colocación de sinalética integrada, promoción de packaging sostible, instalación de illas ecolóxicas e Sensibilización e formación teórica e práctica de habilidades e uso e xestión de ferramentas tecnolóxicas no comercio, entre outras accións.

Scroll al inicio