O Serán dos Namorados quece o forno para bater, un ano máis, récord de participación

A primeira fornada de pan de millo xa está lista para recibir a vixésimo oitava edición do afamado Serán dos Namorados en Toutón, Mondariz, así no lo adianta Lucinda Barcia que xunto a súa filla Montse e a Evangelina encabeza a organización deste evento que reúne a milleiros de persoas amantes dos sons tradicionais.

Este sábado día 18 o torreiro de Santa Marta volverá ser o punto de encontro de público, músicos e bailaríns amantes dos sons das pandeiretas, gaitas, percusión e todo tipo de instrumentos que renden homenaxe á sabedoría do folclore popular.

Os sinais de identidade da aldea galega volverán converterse en notas de música, en pasos de baile, en gastronomía e, en definitiva, en encontro festivo. O Concello de Mondariz, a través da súa alcaldesa en funcións, Elena Naveira, salienta a importancia do traballo realizado por estas mulleres de Mondariz que colocan no mapa non só á parroquia e a vila, tamén a cultura popular enxalzándoa e contribuíndo a que non caia no esquecemento.

Estas tres mulleres levan meses traballando para que o sábado os milleiros de persoas que se van achegar ata Toutón poidan bailar, cantar, cear e compartir. Lucinda xa preparou a primeira fornada e ponse mans á obra coa segunda fornada dun exquisito pan de millo feito seguindo os coñecementos herdados de súa nai. O xamón asado, os chourizos, a bebida e moitas outras viandas completarán o menú e saciarán o apetito daqueles que vaian consumindo calorías ao son da música.

O ano pasado foron máis de corenta os grupos que actuaron dende as sete da tarde ás seis da madrugada, En Toutón a música e a festa chega ata o mencer e así será este ano no que ás 19 horas abrirá o encontro Xisco Feijoó coas pandereteiras de Toutón. As máis veteranas do grupo lembran como aprenderon tocar nos seráns da aldea cun prato de porcelana, “as pandeiretas daquela eran un artigo de luxo”, lembra Lucinda.

O Serán dos Namorados suma adeptos dende o seu inicio no ano 1996, tanto que conseguíu atraer o interese do rapeiro, compositor, cantautor, filósofo e actor C Tangana na pasada edición. Leilía, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Os Carunchos e grupos chegados de toda Galicia participan do culto á música da terra dende os seus comezos.

O Serán dos Namorados recuperou o antigo Serán de Toutón que se deixara de facer arredor do ano 1965, “aínda conservo aquela pandeireta que merquei de adolescente, segue a sonar moi ben. O serán de Touto xa era moi coñecido daquela pero non metía a xente de hoxe. Antes unhas tocabamos e outras bailabamos, así era como aprendíamos, non había cartos para músicos nin para instrumentos”. A falta de estrada non era impedimento e a veciñanza da comarca desprazábase a pé para acudir ao serán de Toutón. Hoxe fano en coche e en autobuses.

Aínda que este ano, como outros moitos anos ao longo da súa historia, o serán cadra co entroido non será impedimento para encher de ganas a carpa do torreiro. “Lembro a primeira edición con Mercedes Peón, unha edición que naceu animada por Leilía “que se interesou pola nosa tradición pandereteira e nos convenceu para recuperar o serán”, engade Lucinda con ton agradecido polo apoio deste incondicional grupo.

A organización xa non terá que dispor de candís nin a luz de carburo alumeará os cobertos, nin se traballará en preparar tellados de colmo improvisados cada ano nun lugar diferente para repartir gastos. Os tempos son outros e a carpa xa agarda ao público e aos grupos que farán festa dende o solpor ata o mencer.

Scroll al inicio