Portada » Actualidade » O Concello de Mondariz urxe cubrir a praza de pediatría

O Concello de Mondariz urxe cubrir a praza de pediatría

“A saúde non entende de cores nin é cousa tan só duns, é cousa de todas as persoas”, manifesta a Concelleira de Servizos Sociais e Sanidade de Mondariz, M.ª Xosé Álvarez Rodríguez, tras a visita electoral do Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio Comesaña, a Mondariz.

María Xosé Álvarez lamenta que o Conselleiro non informara con transparencia e igualdade a toda a veciñanza da situación da praza de pediatría do centro de saúde local. “Aproveitando a súa visita puido darnos resposta aos tres escritos que este Concello lle leva enviando dende o mes de novembro pola falla dun profesional de pediatría no centro de saúde”.

Ante a inquedanza das familias e na procura de atopar estabilidade e unha cobertura sanitaria axeitada, a concelleira envioulle varios escritos dende o pasado mes de novembro interesándose polos procesos de selección e adxudicación da praza, “a ausencia de resposta da Consellería provoca incertidume e malestar entre as familias con fillas e fillos en idade de atención pediátrica. Un feito que se suma á falla dun profesional que atenda de xeito estable ás e aos nosos pequenos”.

M.ª Xosé Álvarez lémbralle á Consellería que a Lei 12/2013, do 9 de decembro, de Galicia establece con claridade o dereito das persoas usuarias á libre elección da/do médico de familia, da/do pediatra e do persoal profesional de enfermaría para a prestación da atención sanitaria en atención primaria no ámbito do sistema público de saúde. Por este motivo esixe que se cumpra a lexislación e se dea unha resposta o antes posible.

A concelleira de Servizos Sociais considera que esta falta de atención afecta directamente á saúde e ao benestar das cativas e cativos e xera graves consecuencias obrigando ás familias a afrontar desprazamentos longos e innecesarios contribuíndo, incluso, a masificar as urxencias dos hospitais. “Cando no hai pediatra algunhas familias están sendo derivadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro situado a 37 quilómetros. Esta medida non só colapsa o servizo de urxencias do hospital senón que supón un grave inconveniente para moitas familias que carecen de medios de transporte”. Agrava esta situación a falta de horarios do transporte público.

Dende o Concello de Mondariz solicitan que se lle informe sobre o resultado do concurso de méritos convocado e agardan que fose cuberta esta praza que se comparte co Concello de Covelo.

Álvarez Rodríguez adianta que non van admitir que a praza sexa cuberta por calquera outro especialista ou médico de familia que non sexa pediatra.

Scroll al inicio