Portada » Actualidade » Mondariz recoñeceu o traballo e valentía das primeiras mulleres concelleiras

Mondariz recoñeceu o traballo e valentía das primeiras mulleres concelleiras

Das súas ganas de aportar e mellorar o mundo, de introducir a perspectiva da muller nos asuntos dun concello e dos sabores e sinsabores da política local falaron as primeiras mulleres concelleiras do Concello de Mondariz no día no que o seu concello quixo renderlles homenaxe e recoñecer a súa importante aportación no eido da política e da igualdade.

Argentina Sousa, Marina Alfaro, María Luz González, Mati Barros, Mónica Peralba, Silvia Montero e Tina Durán subiron ao escenario do auditorio municipal de Mondariz para recibir o abrazo do público asistente e de parte da Corporación de Mondariz. Con este acto o grupo de goberno liderado por Calis Montes pon en marcha unha cita anual que recoñecerá o traballo das mulleres en distintos eidos.

A través dos ollos destas mulleres coñecemos a chegada da muller á política en Mondariz e decatámonos de que non foi hai tanto tempo e de que non foi doado. Eran os anos 90 cando Marina Alfaro e Argentina Sousa irrumpían na política local para “mellorar a situación das parroquias e da vila en xeral porque eu acababa de chegar de Cataluña e sentía que a vida nas aldeas era aínda dura e carente de moitos servizos básicos”, explica Argentina Sousa, primeira muller concelleira nunha Corporación de homes. Mentres Marina Alfaro xa era secretaria comarcal do PSOE e asumía responsabilidades na executiva galega do seu partido. Pola súa banda, María Luz González comezaba en política no ano 2007 converténdose a primeira muller concelleira nun equipo de goberno.

Xuntas recordaron os bos momentos pero tamén as moitas decisións que quedan pendentes de tomar para que a igualdade sexa parte da normalidade. Todas coincidiron en salientar que se debe insistir nos ámbitos educativos para construír unha sociedade sen barreiras para as mulleres. No seu relato atopamos momentos de desalento nos que se viron obrigadas a elexir fronte a imposibilidade de conciliar vida laboral, familiar e política. As represalias no traballo, na súa vida persoal e social foron numerosas pero aínda así estas mulleres primeiras concelleiras de Mondariz confían na política como un instrumento que debe cambiar o rumbo.

Acompañadas de Rosi Reboreda, primeira persoa en escribir e interesarse sobre estas mulleres pioneiras, compartiron como viviron aquel momento no que descolgan o teléfono e ao outro lado descobren que hai alguén disposto a relatar o seu paso pola política. Lembra Rosi Reboreda o moito que lle sorprendeu esa chegada tan tardía da muller á política de Mondariz.

A través das palabras de Mati Barros, Mónica Peralba ou Tina Duarte puidemos coñecer a diícil conxunción de atender ao traballo, aos compromisos políticos e a familia. Argumentos compartidos polo resto das compañeiras que viviron situacións semellantes. A sensación de ter deixado moitas cousas no tinteiro coñecémola da man de Silvia Montero, outro feito no que concordaron todas ellas.

Agradecidas polo acto organizado deron unha lección de enerxía, ganas e ilusión que non foron quen de desgastar nin os avatares políticos nin o desgaste diario de coidar da familia e ser boas profesionais no seu sector.

O grupo de goberno de Mondariz agradece a colaboración de todas elas e salienta que grazas a elas coñecemos unha parte da historia de Mondariz descoñecida para moitas veciñas e veciños.

Scroll al inicio