A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, deu o seu visto bo á posta en marcha do Plan especial de infraestruturas e dotacións para a construción dun albergue na Cela, remitido a principios de ano polo Concello de Mondariz para a súa pertinente avaliación ambiental.
O turismo, un sector estratéxico por desenvolver
En relación a Mondariz desenvolveuse historicamente unha marca turística con alcalce mesmo internacional. Como destino turístico, sen embargo, o Concello de Mondariz carece de suficientes infraestruturas para poder atraer visitantes. Aínda que existen algunhas casas rurais e este sector pode desenvolverse todavía máis, construír un albergue municipal con aparcadoiro de autocaravanas nunha localización próxima ás praias fluviais do río Tea e ao centro urbano de Mondariz como é a Cela é un investimento estratéxico que pode dinamizar o sector turístico.
A parcela municipal da Cela, degradada durante anos polo depósito de cascallos, foi rehabilitada nos últimos meses polas persoas participantes na especialidade de traballos forestais e de xardinería do obradoiro dual de emprego. Retiráronse os cascallos e plantáronse árbores para acondicionar o lugar.