Durante as vacacións escolares, o Concello de Mondariz organiza novamente este ano un campamento dirixido a familias con nenos ou nenas de entre 3 e 12 anos de idade na biblioteca pública municipal.
En total, son 12 días de actividade lúdica (22, 23, 24, 27, 28, 29, 30 e 31 de decembro máis 3, 4, 5 e 7 de xaneiro) en horario de mañá (09:00-14:00 horas), con posibilidade de ampliar medio hora na entrada e na saída. O prezo público estipulado é 25 €, cunha redución do 50% para as familias numerosas.
As bases e a ficha de inscrición para solicitar praza no Campanadal 2021 xa están publicadas no Taboleiro de Anuncios da Sede Electrónica do Concello de Mondariz. O período de solicitude estará aberto entre o 1 e o 17 de decembro de 2021. Segundo se indica nas bases, non se admitirán solicitudes fóra deste prazo.
As familias que estean interesadas nesta actividade de conciliación laboral, familiar e persoal poden contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) para presentar a súa solicitude, que estará condicionada á xustificación documental dos requerimentos que figuran nas bases.
Datas sinaladas
Día 1 de decembro: comeza o período de solicitude de praza para o Campanadal 2021.
Día 17 de decembro: remata o período de solicitude de praza para o Campanadal 2021. Publícase a listaxe de persoas admitidas, xunto cunha listaxe de agarda, no Portal de Transparencia da Sede Electrónica do Concello de Mondariz.
Días 20 e 21 de decembro: confirmación da aceptación da praza co pagamento do prezo público correspondente nunha conta bancaria do Concello de Mondariz.
Día 22 de decembro: comezan as actividades do Campanadal 2021 na biblioteca pública municipal, coa obrigada entrega dunha declaración xurada por familia sobre a ausencia de síntomas compatibles coa Covid-19 durante os últimos 14 días nos nenos e nas nenas participantes.
Día 7 de xaneiro: rematan as actividades do Campanadal 2021 na biblioteca pública municipal.
Información e presentación de solicitudes
- Praza de Merouces 16, 36870 Mondariz
- De luns a venres, 09:00 – 14:00 horas
- omix@mondariz.gal
- 986 664 306
- 680 964 461