Portada » Actualidade » O goberno de Mondariz advirte á oposición do perigo de non aprobar os orzamentos

O goberno de Mondariz advirte á oposición do perigo de non aprobar os orzamentos

O goberno de Mondariz apela ao sentido de responsabilidade e compromiso coa cidadania e ofrece aos grupos municipais da oposición, BNG, PP e PSOE abrir a vía da negociación para aprobar uns orzamentos que permitirán dar luz verde ao plan de pago da débeda a catorce anos. O goberno de Mondariz liderado polos independentes AporM advirte que a non aprobación do orzamento municipal provocará que o goberno do Estado interveña e obrigue a devolver a débeda en cinco anos, “o que suporá a asfixia total da economia de Mondariz e a restrición dos servizos públicos ofrecidos á cidadania”.

Por este motivo o goberno enviou unha carta á oposición na que adianta que está disposto a renunciar á segunda dedicación proposta nos orzamentos e repartir a primeira dedicación (a do alcalde) entre catro para compartila coas tres tenencias de alcaldía. Ante a urxente necessidade de non ser intervidos polo Estado o goberno de Mondariz solicita aos grupos da oposición unha resposta inmediata fixando no martes 10 a data límite de resposta.

A proposta de orzamento do actual Goberno de AporM incluía, entre moitas outras propostas relevantes, unha segunda dedicación a repartir entre as tres tenencias de alcaldía. A pesar de ter mantido varias reunións cos portavoces e membros do resto de grupos (PP-BNG-PSOE) para poder negociar unha abstención pola súa parte para poder aprobar este orzamento, non foi posible. Ata o momento do Pleno no que se pretendia aprobar o orzamento, os tres partidos non presentaron formalmente as súas enmendas asinadas conxuntamente, entre as que estaba retirar a segunda dedicación pero tamén outras como eliminar a partida destinada á limpeza subsidiaria de biomasa ou a de promoción da terceira idade.

“A reflexión dos 5 concelleiros de Alternativa por Mondariz é que o problema xa non é coas súas propostas polo seu contido, senón por vir da man deste partido. E ao non ter sido posible a aprobación dun orzamento, fainos dubidar de si será posible aprobar un Plan de Axuste, que será o próximo paso para aprobar o Mecanismo de Pago a Provedores no que nos obriga a participar o Estado debido ao retraso no pago aos provedores”. Non conseguir aprobar o Plan de Axuste, con medidas fiscais duras e restritivas, faría que o Concello tivesse que devolver este préstamo do Estado en 5 anos en lugar de 14, o que suporía un duro revés económico para Mondariz, cun incremento superior dos impostos e un recorte nos servizos.

“Vista a situación e ante o inmobilismo dos restantes grupos nas súas posturas, o Goberno de AporM propón renunciar á segunda dedicación, e repartir a primeira dedicación (a do alcalde) entre catro para compartila coas tres tenencias de alcaldía. Isto suporía unha dedicación semanal de 10h do alcalde, primeira, segunda e terceira tenentes de alcalde”.

O goberno explica que a segunda dedicación (46.271,24€) empregaríase no resto de partidas deficitárias que non foran incrementadas na proposta de orzamento de AporM.
Este grupo, a pesar de seguir entendendo que é vital para o Concello de Mondariz ter unha segunda dedicación dos cargos políticos porque é imposible xestionar un concello de catro mil habitantes cunha soa dedicación cede e renuncia a esta proposta para tentar desbloquear a situación.

“Apelamos á solidaridade coas veciñas e veciños do noso Concello para pedirlle aos restantes grupos (PP-BNG-PSOE) que pola súa parte respondan do mesmo xeito, que acepten a nossa proposta para aprobar o orzamento 2024 e para que Mondariz e a súa cidadanía poidan desfrutar dos servizos que ata agora se veñen ofrecendo, para avanzar e non sufrir as consecuencias dunha devolución traumática contraída ao longo dos últimos anos”.

Scroll al inicio